miércoles, diciembre 23

BOAS FESTAS


Aínda que vivamos na parte mais apartada do mundo, hai cousas, que, sen ser propiamente nosas, fixeron niño nas vidas dos que aquí morremos, e unha de esas cousas é a celebración do Nadal.

Compiten os Cacharulos cos Loubáns, por ver quen fai o Belén mais grande e mais completo, por que efectivamente, non solo ocupa cada Nacemento a totalidade da praia que cada familia ten asignada, senón que, co paso dos anos, foron ampliando Belén, ao pinar e as pedras que teñen a carón, e se continúan así as cousas, en dúas xeracións chegan as nosas casas, co perigo que isto ten coñecendo como coñecemos aos Cahacharulos e aos Loubáns.

Coa árbore de Navidá, ninguén intenta competir, por que desde hai cento trinta e cinco anos, os Lamáchaghos, poñen un no porto que mide vinte metros. Pero a particularidade de esta árbore é, que está feita de bolos da ribeira, e cada un de eses bolos de cuarzo e granito, pesa alomenos vinte quilos. Moitos bolos teñen que xuntar cada ano, porque cada ano ao chegar o 7 de Xaneiro, desmóntano e volven levar as pedras ao sitio de onde as foron buscar pra que o mar non bote de menos o seu xoguete preferido, e así, eternamente, van e veñen os Lamáchaghos cas pedras ao lombo, como se fosen Tántalos, pero van e veñen, co orgullo que lle supón ser os únicos do mundo e facer esa marabilla de árbore de Navidá; e certo é, que nós, no resto das casas, non temos mais que os nosos humildes arboriños feitos de xeixos da praia, de cores, adornados de cunchas de peneira, escamas de pinto e unha gran estrela do mar, seca, que os coroa. E aínda que son moi bonitos, non son nada, comparado ca grandiosidade que ten o que fan os Lamáchaghos.
Na cea de Noiteboa, tamén somos moi tradicionais; e, é moi raro que en algunha casa falte de prato principal a touliña.

Ninguén sabe moi ben de cando ven esta práctica culinaria nesta sinalada noite, pero a tradición oral, remontase moito antes de que Xesucristo estuvese por Belén, así que posiblemente, se trasladase a ese día por ser o mais cerca ao día que a noite vai a menos, que tamén celebramos, pero este día, pasámolo durmindo. O certo é, que, cada familia, por lei, ten dereito a criar cada ano unha touliña que ten que ser sacrificada o dia de Noiteboa ao mais tardar. É raro, pero algunha vez, os nenos choran cando o ven asado enriba da mesa, pero iso, que tamén pasa cos porquiños, ou co cabrito, ou co pavo, ou co galo que criastes na casa, xa nos pasou aos outros cando éramos pequenos, e, co tempo, non solo superamos ver a un coñecido morto e estar dispostos a comelo, senón que nos fixemos sibaritas de este noso manxar navideño.

Tamén, temos por tradición comer doce uvas, para cambiar o ano, solo que aquí, debido a historia de navegación de tódalas xeracións, cada familia ten a súa particular hora das uvas. E así, son solo dúas as familias as que lle coincide ca hora oficial do resto de España. A maioría, celebra esas campanadas pola hora do país no que seu antepasado navegante estaba tal dia coma este. Desde que amañece xa están tocando as doce na cas dos Muxos, as nove da maña, tócanas os Brixeiros e os Chupasangres, que tiveron antepasado compartindo barco, e así, hasta as doce da noite, as setenta familias que vivimos aquí, tocamos e vivimos a alegría do novo ano, durante todo o día.
No tocante aos Reises, xa saberedes que aquí, todos, absolutamente todos, somos Republicanos, polo que non temos esa celebración, e non creemos tampouco, que ganemos nada por tela. Así que, se non vos importa, vós deixádenos a nós cas nosas, e nós, deixámosvos a vós cas vosas. Boas Festas!



miércoles, diciembre 16

POLO CHAN


Todos aquí sabemos, que o frío, cando chega, entra nesta vila polo Río da Arnela. Xúntase todo na Chousa dos Pratos, e alí, arredor da fonte milagreira, colle bríos, e deixase escorrer polo val de Bostelo abaixo, recorrendo os carreixos que, desde moi cedo, están bacíos.

Non temos costume neste sitio, de ver a neve, nin o ceo azul, nin sequera a negra noite, porque todos aquí, miramos sempre para abaixo. Non se gana nada mirando para riba, e, en todo caso, cando algo se gana, nunca é nada bo. A nosa vida depende do que hai da nosa cabeza para baixo. O noso mundo é o mundo da xiada.

Vivimos arrastro e morremos mais arrastro aínda; solo por que desde que nacemos ensináronnos a vivir de este xeito, e nós, por medo a levantar a cabeza, así llo ensinamos aos que nacen. E pasan os anos, e pouco a pouco, van desaparecendo as árbores, os paxaros, as nubes, as estrelas, e, cando pasan mais anos, solo quedamos nós, e os camiños, e os regatos, e os lagartos e as serpes, e as pedras e o mar. E cando miramos ao lonxe no mar, non vemos mais que mar e nada, nada e mar. E cando miramos ao lonxe na alma, non vemos mais que mar e nada, nada e mar.

Pero neste mundo, no noso mundo, no mundo que vemos, todo muda. E ao igual ca centola ou que a serpe, Tucho de Lucinda, mudou de parecer de un día para outro, e avisoulle a funeraria, que el, ia ser o primeiro en enterrarse mirando pra riba.
Foi un escándalo, e a súa propia familia foi a primeira en virarlle o lombo, non tardando o resto dos veciños en seguir a mesmo rumbo.

A ninguén estrañou a súa repentina morte, e, tampouco ninguén, nin sequera o seu can, chorou.

Hoxe as cinco da tarde, asistimos todos aos seu enterro, todos sen faltar ninguén, porque todos quixemos ver, a Tucho de Lucinda entrando no outro mundo, ca cabeza ben alta…pero mirando pra baixo. Diolo teña na gloria.

jueves, diciembre 10

AQUÍ


Aquí, desde que se nace, vívese mais no porto e no mar, que na casa. Aquí, como nos barcos, xantamos as doce e ceamos as seis. Aquí, hasta os cegos ven moi lonxe. Aquí, os recordos son os mesmos pra todos. Aquí, aínda que vivimos moi xuntos, estamos moi separados. Aquí, a noite e escura e o día tamén.

Nunca lle faltou o traballo a Bautista dos Cortellos, porque Bautista nacío sen ulideiras, e eso toda a vida se apreciou moito. Xa desde pequeno, dou que falar, cando se dedicaba nos seus inocentes xogos, a coller canto animal morto viña varar a praia, para xogar con eles como quen xoga con un boneco. A os seis anos xa se encargaba el de meterse nos pozos negros e cargar en paxes o último restrollo dos cortellos dos porcos. Era el o que se encargaba xa tendo doce anos, de cargar cos restos humanos que os naufraxios deixaban nestas costas, e os quince xa traballaba na funeraria,e os dezasete no matadoiro, e, cada quince días estibando a basura no vertedoiro.

Fixéronlle ofrecementos na mili, para que puxese as súas carencias ao servizo da Patria e cominárono a facer a carreira militar, pero el rexeitouno, porque, o que non tivera ulideiras, non siñificaba que fose parvo.

Vivío moi ben Bautista no medio da merda, e a pesar de ser moi rico, ningunha muller quixo casar con el; ningunha muller quería fillos sen un sentido. E ninguén lles quitou tampouco a razón. Hai tres días, Basilio morrío. As causas non importan, pero os efectos foron que Basilio morrío queimado, e todos pensaron, que a súa carencia, inclinara a balanza do lado da morte, ao non detectar o ulido a chamusco. Pero foi o Capador o que nos fixo ver o equivocados que estábamos, e non lle faltaba razón, xa que, efectivamente cando o lume aínda non chegara a primeira planta onde el durmía, todos lle berramos para que se salvara. Non se salvou.

Xa todos sabemos que a noite do incendio, Basilio perdío tamén o oído. E todos aquí pensamos que, corrido o tempo, iría perdendo, o gusto, o tacto, a vista…

martes, diciembre 1

E TI QUE SABERÁS?


Manolo de Nésimo, sabe moito, pero co que non sabe, cárgase un barco moi grande. Porque aínda sendo moi sabiondo, neste mundo de salseeiros, nunca un, por moi longa vida que teña, chega xamais ao Doutorado. Non lle vale de nada a Conrado Saborido, saber a morte da xente con cinco minutos de antelación, porque, desde que anunciou sendo moi novo, a morte de catro seguidos, prohibíuselle terminantemente dicir un chío sobre o xa inapelable golpe do destino. Total, con cinco minutos xa non se podía facer nada, e mesmo que foran tres días, porque o que Conrado enterraba, morto estaba.

Ramón das Bardas, sin saber ler nin escribir, sabe en cambio, en que día da semana vai caer calquera Santo que lle preguntes; pero iso, pra ir cas vacas pro monte, non é de moita utilidade. E todos os que a Ramón coñecemos témolo polo mais listo, polo que deducimos os que non sabemos nada, que a listeza non ten que ver ca utilidade. Porque a Ramón nunca lle preocupou nada do mundo que non fose en que día da semana ía caer o dia de Santo Nombre de dentro de dous, ou dezasete anos.
Machón do Peludo, sabe exactamente a clase de peixe e os quilos que vai pescar, e esa facultade, permítelle vendelo antes de botarse ao mar na súa chalana “Tildita”. Pero Machón sendo pequeno, namorouse da Asturiana que viña retratada nas botellas de anís, e levaba pro mar catro botellas que situaba nas aletas e nas amuras da embarcación pra tela, (a Asturiana) sempre a vista. Pero iso solo, non tiña por que afectar a vida de Machón, se non fose, que o condenado, baldeiraba tódolos días que ía ao mar, as catro botellas, pra, según el, coñecela ben polo ulido, cando un día non moi lonxano, dándolle aos remos sen parar, chegase a Xixón, e alí pedila oficialmente pra casar. E precisamente por culpa do perfume da Asturiana, o peixe que efectivamente pescaba Machón, chegaba a terra case sempre desfeito de pisar por riba del, polo que Machón tiña que devolver os cartos ou volver ao día seguinte pro mar, cas catro Asturianas, e así, levaba toda a vida, que xa eran cincuenta anos, pensando, que a mais tardar en dúas semanas, xa estaría no Musel, do ganchete da que ía ser a nai dos seus fillos, os Peludiños.

Aínda que agora é vella, Tía Dolores dos Mostrengos, foi moza, e sendo moza por ser probe, nin roupa de loito tiña cando lle finou seu pai, polo que tintou os trapos que tiña para vestir co borro das tripas dos pulpos. E como consecuencia do perpetuo pingo das nubes e do mar, o borro marchaba cada día, e durante os dez anos que lle durou o loito por seu pai, día a día, sen faltar un, Tía Dolores, como Penélope, reconstruía o desfeito do día antes. Pero xusto o día antes de cumprir os dez anos, morrío o seu Ulises, Xisco Chosco. E despois unha tía, e aínda ca tía quente, un primo carnal, e así, ano tras anos e xa van noventa, Tia Dolores, non sabe outra cousa que tintar a roupa co borro dos pulpos, pero isto, hai que recoñecelo, sabeo facer mellor que nadie no mundo.

E así, con mais sabedoría que na propia Atenas nos mellores tempos Clásicos, discorre a vida de estas xentes, sen que a ninguén se lle dea nunca por dicir, “ solo sei, que non sei nada”, Porque é certo que ninguén sabe nada. Tan certo, como que o Día de Santo Nombre vai caer en Sábado.

martes, noviembre 24

UN CASO ÚNICO


Aquí todo o mundo sabe, que as touliñas e outros animais do mar, teñen a capacidade de durmir con media parte do cerebro mentres ca outra permanecen en vixilia. Todo o mundo o sabe e a ninguén lle importa, non sendo a Basilio do Cansado. Por que saberedes que ao igual co color do pelo ou a grandura do nariz, hai cousas que se trasmiten de xeración en xeración, e na familia de Basilio, nacen todos cansados por liña masculina desde hai alomenos, cincocentos anos. Por sorte para o pueblo, hasta facer fillos téñeno por moi laborioso, e así, nunca hai mais de dous Cansados, pai e fillo, compartindo vida cos demais. Non é que sexa moi bo, pero aínda é menos malo, polo que aquí, xa hai moito tempo que sabemos que non se pode contar con eles para nada que non sexa mirar, e aínda isto, lles costa moito traballo. O motivo de esta preguiza no ADN, non é outro que os soños que teñen mentres dormen, e tendes que saber, que solo soñan que traballan. E non calquera traballo lles vale para soñar, senón que os moi animais, soñan que dan barcos arriba eles solos, ou que embarcan o aparello do cerco cargado de parrocha sen mais axuda cas súas mans, ou que pican toda a pedra para facer a Catedral de Santiago. Nunca se encontraron pai e fillo neses hercúleos soños, e por iso mesmo, cando se levantaban encontrábanse completamente derrengados ao ter que facer cada un polo seu lado todos eses traballos. E non pensedes que isto non importa, por que cando espertaban e contaban o que soñaron, resulta que nun mesmo día, foron quen de facer dúas ou tres Catedrais de Santiago.

O pai de Basilio xa hai tres anos que morrío despois de soñar que tiña que chicar o mar por que lle estaba chegando a horta de patacas de vinte ferrados a carón da praia, que o dia antes pelara, sobrepelara, fixera os regos co sacho e plantara as patacas do ollo azul e do ollo rosa intercalando cada pataqueiro, e poñendo cada seis, un coleiro. Por que o de chicar o mar, nin o propio Deus o conseguío, pra facelo Gumersindo do Cansado.

Foi hai cinco días que Basilio desaparecío sin deixar rastro, e a ninguén lle preocupou por que xa algunha vez, no mellor do vran, Basilio ía ir durmir polos pinares, e soñaba que toraba e pelaba e cargaba sacos de serrín e facía táboas e cargaba barcos a man, e durante un ou dous días non se movía do pinar, por non ter forza nin para andar.
Buscouno a muller eses días, e despois de catro, axudámoslle os veciños. Aparecío morto, dentro do terceiro piso dos nichos que os Cansados teñen no Camposanto. Parece ser, que pasando cerca de alí, unha treboada descargou tal cantidade de auga, que non pensou outra cousa que abrigarse dentro do seu nicho, e tal debío de ser o cansazo de agabear ao terceiro piso dos nichos, que quedou durmindo o pobriño, e posiblemente soñaría que tiña que palear todo o carbón das caldeiras do inferno, ou mesmo picar nas minas ese carbón, cargalo en sacos, metelo nos trens e nos barcos, levalo pro inferno e despois palealo, pensando xa, en ter que ir picar máis, por que de tanto que traballaba logo quedaba sen el.

Pero o portentoso de Basilio, foi que, a pesar de ser o Cansado, foi o único, e oídeme ben, o único, que foi pro cementerio andando, e non como o resto das xentes, que aínda que en vida non son uns Cansados, empezan a morte moi, pero que moi mal, xa que Basilio aínda que nacío durmindo, entrou na morte polo seu pé, e os demais, que naceron braceando e berrando, foron e iran pra morte, en coche ou ao lombo.

jueves, octubre 8

Na bágoa da marea

jueves, agosto 27

VARISTOLO


Nunca desesperamos nos portos da Costa da Morte, cando as cousas non suceden puntualmente como un reló. Non sendo as mareas, todo o demais, sucede según sexan as condicións meteorolóxicas reinantes, condicións, que como é ben sabido, son sempre diferentes. Así, a entrada da lura na Ría, ou o besugo nos cabezos, varía cada ano, polo que sempre hai unha garda eterna no mar, para, chegado o momento,toca-lo corno de aviso aos demais veciños. Pero pasa, que ano tras ano, o peixe tarda máis en aparecer, e cando aparece, é moi escaso. Andan as xentes aboiadas polo peirao, non hai outra conversación que non sexa o pouco peixe que hai. Búscanse culpables. A dinamita, os aparellos, a sobreexplotación, os ranas, unha maldición divina…

Varistolo do Socheo pesca a vara os 365 días do ano. E aínda que pareza mentira, presumío de non comer nunca na súa vida, sequera un toro de peixe. Todo llo comen os catro cans e vinte gatos que viven con el na súa casa da Estada. Cincuenta mil e pico lorchos, noventa mil e pico barbadas vinculeiras, nove mil e pico maraghotas, oito mil e pico pintos, trinta mil e pico muxos, douscentos mil e pico xixís, dous mil e pico sarghos, tres mil e pico robalizas, mais de quince mil e pico entre xardas e xurelos, catrocentos e pico quilos de luras, trescentos anguiachos e algún que outros tanque ou trapo que ten tamén aproveitado. Todo isto pescou nos seus sesenta anos de vida e todo comían os seus animaliños desde que se destetaban hasta que morrían de vellos. Pero o sorprendente desta historia, é, que o éxito da pesca de Varistolo, debíase en gran parte a eses animaliños que con tanto mimo criaba. Eran cans e gatos pescadores.

Os cans eran os especialistas en dar co xarabal de peixe, da mesma maneira que o fan en terra ca caza. Os gatos, unha vez que os cans daban co rastro do peixe, tirábanse todos ao mar, e buceando, xuntaban o asustado peixe ao alcance da brinca empatada na liña da vara que Varistolo manexaba con unha sutileza e suavidade tal, que parecía unha batuta dirixindo o “Lago dos Cisnes”. Mesmo os gatos, a maneira dos corvos mariños, cazaban peixes mentres buceaban, peixes que, educadamente, depositaban no cesto de Santander de Varistolo.

Pero a falta de peixe afectou tamén a Varistolo, e, ao non ter costumbre de vir sen peixe para casa, o único que pescou foi unha depresión.
A enfermidade, aínda agravou mais o seu problema, porque abatido como estaba, e para non volver a fracasar, deixou de pescar. Ao no ter peixe, os cans, empezaron e acabaron por comer os gatos, xa que era o mais parecido ao peixe que había. Varístolo vendo isto, toleou, e, un por un, matou aos catro cans. Os seus osos, apareceron estricados pola casa, pero da carne, non se atopou un gramo. Cando entramos alí, vimos morto a Varistolo, e vimos tamén que da súa boca, saían catro liñas. Intentamos sacarllas tirando de elas, e utilizando a mestría dos mariñeiros, “despescamos” a Varistolo.
Quedamos felices, xa que polo menos Varistolo foise de este mundo facendo o que mais lle gustaba; pescando. E foise pola porta grande, xa que de esta última vez, pescándose a sí mesmo, pescou a peza mais grande da súa vida. Nas catro brincas empatadas nas catro liñas que Varistolo tiña na gorxa, estaban as catro linguas dos catro cans de Varistolo.